Saturday 18 de May de 2024

A Xunta pon en marcha un sistema de xestión de arquivos xudiciais que facilita a labor de expurgo e control das pezas de convicción



Vai permitir unha correcta custodia e trazabilidade da documentación e pezas de convicción, que fará factible o seu rastrexo e identificación en todo momento

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín compareceu na Cámara galega onde avanzou que en Ourense estase a poñer en marcha, como piloto, un novo sistema clave e estratéxico para a modernización dos arquivos xudiciais, orientado a facilitar a labor do expurgo da documentación e o control das pezas de convicción.

Este proxecto de sistema de xestión de arquivos físicos xudiciais, depósitos de pezas de convición e almacéns, enmarcase nas actuacións previstas no “II Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza (Plan Senda 2020)”, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), entre cuxos obxectivos figura a implantación efectiva do Expediente Xudicial Electrónico e a Sede Electrónica de Xustiza, e ten como principal cometido asegurar a trazabilidade, tanto dos expedientes xudiciais como das pezas de convicción existentes nun órgano xudicial.

Juan José Martín relatou que nun escenario esencialmente telemático, tamén os arquivos xudiciais han de xestionarse electronicamente, polo que esta xestión a través dun programa informático tamén aproveitara para importar os datos dos expedientes que han de servir para os trámites de expurgo, de xeito que non será necesario que o funcionario xudicial teña que cargar manualmente os datos básico do procedemento para confeccionar as listaxes que deberán ser analizadas logo pola Xunta de expurgo xudicial.

Este novo proxecto permitirá en definitiva controlar a localización e trazabilidade dos expedientes, os seus traslados, políticas de expurgo e a súa integración con dispositivos electrónicos de localización, xa que ao integrarse co sistema de xestión procesual, poderá extraer a información para o control das caducidades e elaboración dos listados de transferencias. A través desta integración cos expedientes que hai na aplicación procesual, vaise xerar un código de barras, que se pegará mediante una etiqueta no expediente.

Deste xeito o sistema permitira coñecer en todo momento a localización exacta do expediente xudicial e rexistrará todas as entradas, saídas e traslados de documentación entre os diferentes arquivos, de tal xeito que se manterá sempre a trazabilidade e o histórico de operacións sobre a documentación. Por outra parte, o sistema elaborará de xeito automatizado a relación de expedientes que os Letrados da Administración de Xustiza, responsables dos respectivos arquivos xudiciais, queiran remitir á Xunta de Expurgación, simplificando enormemente as tarefas que se realizan actualmente, que requiren a gravación individualizada dos expedientes a expurgar.

No que se refire á xestión dos almacéns e depósitos de pezas de convición, o sistema permite asociar a peza ao seu correspondente expediente xudicial e incorporar a fotografía do mesmo, que poderá ser visualizada a través do sistema. Tamén controlar a súa localización en calquera momento, rexistrando todos os movementos que poidan afectar á peza o longo do procedemento xudicial e cando se decida o seu destino final.

Este proxecto, en suma, vai permitir unha correcta custodia e trazabilidade da documentación e pezas de convicción, que fará factible o seu rastrexo e identificación en todo momento, e, na mesma liña, garántese ao tempo a seguridade dos accesos que se realicen, tanto á documentación como ás pezas de convicción, a través do emprego da tarxeta de identificación persoal dos funcionarios, xerándose un rexistro dos acceso.

Proceso de expurgo xudicial
Ata agora, segundo indicou o director xeral, os traballos realizados no marco do proceso de expurgación xudicial deron como resultado, o expurgo e eliminación de máis de 200.000 expedientes xudiciais, a retirada dos arquivos xudiciais e traslado a outros depósitos, situados na AGASP e en Campolongo- Pontevedra, de máis de 75.000 expedientes e a retirada e destrución de máis de 60 toneladas de pezas de convición.